“EL OASIS CATALÁN” EN GALICIAHOXE.COM

 

¿Houbo un oasis catalán? (I)

O sal da terra / Joaquim Ventura

Como simple reflexo das diferencias que hai entre España e Cataluña, os mapas políticos respectivos pouco teñen a ver entre eles xa desde os primeiros anos da transición. Mesmo en relación a outros mapas políticos diferentes, coma o vasco, o catalán é peculiar, cunha marxinalidade do PP sostida, mentres que no País Vasco o seu apoio foi decisivo para desaloxar o PNV de Ajuria Enea. Marxinalidade aumentada co proceso do Estatut, unha vez fixo mutis Josep Piqué, o único dos seus innumerables e efémeros dirixentes que intentou vencellar o partido ao catalanismo.

E fronte ao bipartidismo que desde hai anos se instalou a cara de can no conxunto de España -que beneficia mutuamente a PSOE e a PP- as relacións entre os partidos cataláns conservaban as formas, polo menos aparentemente. Mais co paso dos anos, e cando xa ficaron esquecidos aqueles tempos de unidade catalanista, cada quen xa vai á súa. E máis aínda cando apareceron os casos Millet e Pretoria, que poden provocar un terremoto na política catalá.

A publicación do ensaio de Xavier Casals El oasis catalán achega unha boa dose de iluminación a ese fenómeno. Analiza polo miúdo a evolución dos partidos cataláns desde as primeiras eleccións democráticas e a repartición dos diversos poderes. Unha análise que, alén dos dous casos de corrupción sinalados, remata coa observación do desconcerto social catalán fronte ás actitudes políticas e sociais españolas.

Que os políticos cataláns fixeron da autonomía un Estado de xoguete -xa que logo con esas ambaixadas no estranxeiro- está fóra de dúbida. Mais nesa análise -brillante e ben documentada, doutra banda- quizáis hai aquilo da trabe e da palla mais á inversa. As outras autonomías tamén xogaron a ser Estados da señorita Pepis mais cunha diferencia verbo dos cataláns (non digo dos vascos e dos navarros porque estes xogan noutra liga grazas á foralidade). E esa diferencia é que os cataláns apenas participaron no aparato de Estado desde os tempos dos Reis Católicos e os restantes españois si que o fixeron e fano, e alén participan tamén en cadansúa autonomía.

Tamén é certo que grazas a esa inhibición, as elites non marcharon do país. Mais agora as autonomías (comezando polas gobernadas polo PP, especialmente Madrid) non queren ser menos e tenden a esixir o mesmo teito que os cataláns. De aí o desconcerto destes.

Los comentarios están cerrados.